Sunday 19 de May de 2024

Rueda salienta o potencial de Punta Langosteira nun referente industrial, loxístico e da transición enerxética de toda Europa


 Defende a eólica mariña como unha “oportunidade” deste porto para seguir medrando, polo que lle reclama ao Goberno central que manteña o apoio á plataforma experimental para este lugar tal e como se ten comprometido

 Salienta o respaldo do Goberno galego a proxectos de enerxías renovables ofrecendo “seguridade xurídica”, “certezas” e axilizando “nun ano como máximo” trámites que dependen da Administración autonómica

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, enxalzou hoxe o potencial do porto de Punta Langosteira para converterse nun referente industrial, loxístico e da transición enerxética de toda Europa.

Así o defendeu durante o acto de celebración da consecución dos 20 millóns de toneladas de mercadorías deste porto exterior, once anos despois da súa posta en marcha. Acompañado dos vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e do conselleiro do Mar, Alfonso Villares, Rueda puxo en valor ter acadado este volume de actividade.

Rueda amosouse convencido das moitas posibilidades deste porto como porta de entrada e saída de mercadorías de todo tipo. En concreto, augurou que Punta Langosteira se vai converter en centro de referencia das enerxías renovables. “O obxectivo fundamental é facer que sexa o gran hub da renovables”, anunciou.

“E imos polo bo camiño”, aseverou en referencia a que están previstos proxectos potentes para producir biocombustible e hidróxeno de uso industrial en Galicia. Ademais, tamén se aspira a que a eólica mariña sexa un motor deste porto, co beneficio para o conxunto da comunidade, pola creación de milleiros de empregos, redución das emisións de CO2 e impulso da transición ecolóxica que implica.

Desenvolvemento das renovables con “moita intelixencia”
Rueda apuntou a eólica mariña como unha oportunidade a aproveitar para que este porto siga medrando, apostando polas enerxías do futuro. Neste senso, apelou ao seu desenvolvemento con “moita intelixencia”, en referencia a que debe ser compatible cun sector tan importante para Galicia, como é o da pesca, e co respecto á contorna ambiental.

O presidente da Xunta incidiu en que Galicia pode convertese non só en produtora en materia de eólica mariña, senón tamén en centro de fabricación dos elementos que precisa o resto de Europa. Por estes motivos, garantiu o apoio do Goberno galego para dar “seguridade xurídica” e “certezas” aos proxectos que se desenvolvan na comunidade e tamén para axilizar “nun ano como máximo” os trámites que dependen da Administración autonómica.

Apoio á plataforma experimental da eólica mariña
Por estes motivos, defendeu a importancia de que o Goberno manteña o seu compromiso de apoiar a plataforma experimental de eólica mariña que a Xunta quere impulsar neste lugar e lembrou que o Goberno central xa deu o visto e prace a un proxecto semellante no País Vasco. “Deben despexarse as dúbidas que obstaculicen que arranque xa”, avogou ao respecto.

Neste senso, tamén lamentou a decisión prexudicial para os intereses da comunidade que o Goberno español non teña defendido que Galicia forme parte do corredor de hidróxeno verde. Ante esta situación, reclamou un cambio de posición no Goberno central e reiterou o compromiso do Executivo galego en conseguilo. “Non podemos admitir como algo normal quedarnos fóra do hidroduto”, advertiu.

Acceso ferroviario ao porto exterior
Finalmente, o presidente puxo en valor a construción dunha nova plataforma e vía de novo acceso ferroviario ao porto exterior da Coruña en Punta Langosteira, cuxa posta en servizo se prevé en 2026 e que conta cun investimento total de 171 millóns de euros. Trátase dunha actuación imprescindible para a viabilidade da dársena, o tecido produtivo e para o desenvolvemento urbano da cidade, xa que suporá a recuperación da fachada marítima.